martes, 26 de noviembre de 2013

GRUPO NÓS. TEXTOS ILUSTRADOS POR NÓS.




A pouco de casar Dona Micaela comezou a facer camisiñas, pero a súa ilusión derrubouse súbitamente e, con bágoas nos ollos, meteu nun frasco de augardente o froito abortado dos seus amores. Dona Micaela escribiu nun papeliño: "Adolfo, 12 de maio de 1877". Pegou o papeliño no frasco, e despois de bicalo tristemente gardouno no armario das sabas de liño.
Non riades, porque o conto é triste.

Aínda non pasaran catro meses e Dona Micaela comezou a traballar novamente nas camisiñas. A boa señora compracíase cavilando no herdeiro que xa estaba en camiño cara ao mundo, e por segunda vez Dona Micaela viu marchitas as súas ilusións de nai, e con fonda tristura meteu en augardente o novo froito dos seus amores. Dona Micaela escribiu: "Rosa, 7 de xaneiro de 1888". Pegou o papeliño no frasco e moi amargada gardouno no armario das sabas de liño.
Non riades, porque o conto é triste.
A pobre señora chorou tres veces máis e meteu noutros tantos frascos de augardente, un "Pedro", un "Ramón" e unha "Alicia".
Non riades.
A boa señora deuse de conta que non alumaría xamais un fillo verdadeiro, e coas súas grandes ansias maternais dedicou a vida enteira ao coidado agarimoso dos frascos de augardente. Triste vida!
Non; non riades, porque o caso é triste.
Cada vez que unha errada ilusión cumpría anos, Dona Micaela cambiáballe a augardente. Todos os días bicaba os frascos e arranxaba os laciños de seda que cinguían os pescozos dos frascos de "Rosa" e de "Alicia". A boa señora chegou a vella e tiña criadas de tanta confianza que andaban coas chaves dos armarios e gobernaban na casa. Un día chegou ante Dona Micaela unha das criadas. Viña tan cortada que non podía falar; pero a pobre muller arroxouse ao chan e aos poucos foi confesando entre saloucos: "Perdón, a miña ama! ai, que desgraza señora! O señorito Adolfo caéuseme das mans e rompeu...
E nese instante Dona Micaela desvaneceuse para sempre. 


Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Tirado de "Cousas"








"O PAI DE MIGUELIÑO"



O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados cómo era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.

Os "americanos" xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirán do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, en procura do pai ensoñado.

De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato ou aínda mellor portado, e Migueliño sinteu por el un grande amor e canto máis se achegaba o "americano", máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. ¡Ai!, o "americano" pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.

Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecíase por bicalo a fartar. ¡Tiña un porte de tanto señorío! ¡Ai!, o "americano" pasou de largo e nin tan siquera reparou que o seguían os ollos angurentos dun neno.

Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.

E cando esculcaba con máis anguria, fíxose cargo de que un home estaba abrazando á súa nai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home moi flaco, metido nun traxe moi floxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo...

Aquel si que era o pai de Migueliño.





" Na postguerra, D. Celidonio ascendeu de porco a marrán e chegou a ser alcalde. A parenta inflou coma o fol da gaita. [...]
Don Celidonio é gordo e artrítico. O carrolo sáelle para fóra; na calva ten unha que outra serda; ten as fazulas hipertrofiadas, da cor do magro do xamón, e tan lustrosas, que semellan que botan unto derretido; ás nádegas e o bandullo vánselle un pouco para abaixo.
O lardo rezúmalle por todo o corpo, e no vran súdao en regueiros aceitosos e en pingotas bastas, coma as que deitan os chourizos cando están no fumeiro.
Así como é graxento o corpo, tamén o miolo de D. Celidonio. Se lle escachasen a testa, tiña que ser con pau-ferro e picaraña, en lugar dunha sesadahabía atopar un unto. Corpo e alma, tanto ten, todo é graxa e manteiga. Don Celidonio é igual por dentro ca por fóra: carne e espírito son a mesma zorza, misturada e revolta, co mesmo adubo de ourego e pemento)."

Risco; O porco de pé
 .........................................................................................................................








: SE EU FOSE AUTOR : :

Se eu fose autor escribiría unha peza en dous lances. A obriña duraría dez minutos nada máis.

LANCE PRIMERO

Érguese o pano e aparece unha corte aldeán. Enriba do estrume hai unha vaca morta. Ó redor da vaca hai unha vella velliña, unha muller avellentada, unha moza garrida, dúas rapaciñas bonitas, un vello petrucio e tres nenos loiros. Todos choran a fío i enxoitan os ollos coas mans. Todos fan o pranto e din cousas tristes que fan rir, ditos paifocos de xentes labregas, angurentas e cobizosas, que pensan que a morte dunha vaca é unha gran desgracia. 0 pranto debe ter unha gracia choqueira, para que estoupen da risa os de "patio de butacas".

E cando se fartan de ri-los señoritos, baixará o pano.

LANCE SEGUNDO

Érguese o pano e aparece un estrado elegante, adobiado con moito señorío. Enriba dunha mesa de pés ferrados de bronce, hai unha bandexa de prata, enriba da bandexa hai unha almofada de damasco, enriba da almofada hai unha cadeliña morta. A cadela morta semellará unha folerpa de neve. Ó seu redor chora unha fidalgona e dúas fidalguiñas novas. Todas elas fan 0 pranto i enxoitan as bágoas con paniños de encaixe. Todas van dicindo, unha a unha, gas mesmas parvadas que dixeron os labregos diante da vaca morta, ditos tristes que fan rir, porque a morte dunha cadela non é Para tanto.

E cando a xente do galiñeiro se farte de rir a cachón, baixará o pano moi amodiño. 


Castelao ; Cousas
[ D O U S   V E L L O S … ]
Dous vellos que tamén tiveron mocedade, que se coñeceron nun baile, que logo se casaron por amor e que viviron amándose tolamente (1). Dous vellos, sempre xuntos e sempre calados, que viven escoitando o rechouchío dun xílgaro engaiolado. Sen fillos e sen amistades. Soios.
Antonte leváronlle o viático ó vello e onte morreu. A compañeira dos seus días vestiuno, afeitouno e púxolle as mans en cruz.
Hoxe entraron catro homes e sacaron a caixa longa onde vai o morto. A vella saíu á porta da casa e, coa voz amorosa dos días de mocedade, despideuse do seu compañeiro:
-¡Deica logo, Eleuteiro! (2).
E os veciños que acudiran ó espeutáculo taparónse (3) as bocas e riron cos ventres. A despedida da vella foi rolando e chegou ó casino, e o “deica logo Eleuterio” [sic] xa se convirteu (4) en motivo de risa.
Todos, todos, se riron e ninguén se decata con que delor a vella namorada chamará pola morte nesta noite de inverno.

ALFONSO R. CASTELAO, Cousas. Edición de Manuel Rosales. Vigo: Editorial Galaxia, vixésima edición, 2002). 

..................................................................................................................
TERRA, RAZA, CULTURA, HISTORIA
(El Pueblo Gallego, 27 de xanciro de
1933)
Roca primixenia, de gra ou pizarrenta, persoalidá xeolóxica dende o seu cósmico nacer
difrenzada, ergueita, diante da sinxeleza da mar e das formaciós ibéricas, secundarias, terciarias,
dinantes dos homes dibuxada pra certos homes, faciana agardando o pneuma de un esprito.
Amoroso acariciar da citoiva, cantigar das iaugas profllando, cada istante, a escul
tura do chan. Aer
oceánico, sol na mar mallado. O bosque boreal —ensoñare dos bidueiros, afirmación dos carballos,
nos piñeiros salaios do futuro— franqueando ao agasallo do Sul polas ponlas tolas da vide. E o
torrón labrego, templo, amparado nas abas modernas das serras, no socego calmo da mar engaiolada
nas rías. Vixía das roitas atrántecas, forteza da pedra envolveita no maxinativo criar da vida e da
vexetación. Te
rra. Suco, berce, coba, corazón.
Brazos labourando o esgrevio, e esquisito, e o pódente granito deica faguelos carne e sangue da
raza. Xente danzal baixo todos os ceus rexa e confiada a un tempo na forza da vontade, no trunfo da
forma belida e no degaro do além. Xenio endexamais sadisfeito no crásico orgulo da obra rematada,
sempre arelante dos novos hourizontes, liberal e franco, europeu da millor sementé diante da
tentación mol do Sul, sufincado na espranza alongada polo requintado labio da elexía. Como o
seixo, raza lumiosa e dura.
O pular céltigo, maquiador de penedos, paixós e ideas, tinxido como o sol pinta a nuben, pola
groria do xenio latino, universalizado nos bra
zos da crus. O rir ledo, agurgullante, sin o bafo da
ferocidade xermana, a cada xeneración a curiosidade dos nenos maxinadores de universos, contento
da vida, capacidade de agardar, ialma nova non cangada por ningún carregar de civilización
alleeira, arte eispresivo, insadisfeito, língoa matizada de alboradas e longos poentes ca confianza no
derradeiro trunfar do esprito. Cultura galega, ancorada no peirao occidental pronta a aparexar un
vento da térra pra fitar todo anceio human.
Na historia, universal sin pesadelo de imperio, xenerosa e curtes ca civilidade do traballo e da
espranza, forte no amparo das esencias racia
les, ensaiando todos os caminos, baixo a tona das
roinas pulo nuoso.
Terra, xente, cultura, historia. Agora un istante o urxente de disfroitar dos dereitos dos pobos
nativos, de erguer a vos galega no concertó dos pobos novos. Que os nemigos —por psiquiza,
desatención, raposeiría ou amingoamento moral— pensen a soilas ca concenza no siñificado das
catro verbas.
Si cavilan con sinceiridade, ¿serán capaces de negare seu ser galego? Otero Pedrayo


No hay comentarios:

Publicar un comentario