Biografia:
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é todo un símbolo do nacionalismo
galego, un loitador no exilio, que reflectiu na súa obra literaria e
pictórica o fondo compromiso que o unía á súa terra, Galicia.
Naceu en Rianxo o 30 de xaneiro de 1886. Aos once anos emigrou coa súa
nai a Arxentina para reencontrarse co pai, que xa marchara primeiro. Á
súa volta retomou o bacharelato e cursou estudos de Medicina na
Universidade de Santiago de Compostela. En 1910 comezou a traballar como
médico na súa vila, mergullándose na política local. Non obstante, a
profesión non lograba satisfacelo e, en 1914, unha crise de cegueira
acabaría precipitando o seu afastamento dela. En 1916 obtivo unha praza
de funcionario no Instituto Xeográfico e Estatístico de Pontevedra.
Comezaba, entón, unha etapa en que Castelao chegaría a converterse no
principal referente da arte galega.
O seu labor céntrase na
creación plástica, que manifesta a través de cadros e caricaturas -Nós-,
mais tamén é tempo de reflexión sobre as relacións entre a arte e a
nación, que exporá na conferencia Arte e galeguismo (1919), e que callarán definitivamente tras a viaxe que realiza en 1921 por Europa -Diarios de Arte-. A partir deste momento, a plástica facilitará a súa entrada na literatura con obras como Cousas da vida, Cousas, Os dous de sempre ou Retrincos.
O Castelao político xa participara nas Irmandades da Fala desde o
nacemento destas en 1916, promovendo a constitución dunha delegación
local en Pontevedra, actuando como delegado nas Asambleas Nacionalistas e
colaborando n' A Nosa Terra, voceiro das Irmandades. Coa
chegada da República e a fundación do Partido Galeguista, foi elixido
deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes e defendeu en Madrid
iniciativas do programa galeguista. A finais dese ano contribuíu con
numerosos mitins á unificación e consolidación do noso nacionalismo.
Mais os movementos revolucionarios de Asturias e Cataluña en outubro de
1934 provocaron a reacción do goberno conservador descabezando o Partido
Galeguista, suspendendo a publicación A Nosa Terra e
desterrando a Castelao a Badaxoz. Ao ano seguinte retornou a Pontevedra
e, co Partido Galeguista integrado na Fronte Popular, conseguiu, nas
eleccións xerais de 1936, o escano co maior número de votos de toda
Galicia.
Nos anos da guerra comprometeuse enteiramente coa
defensa da legalidade republicana. É a época dunha maior radicalización
do antifascismo e do sentimento patriótico en Castelao, que plasma nos
álbums de guerra -Galiza mártir, Atila en Galiza, Milicianos-,
de gran difusión internacional. Bandeira de todo galeguismo,
desenvolveu unha actividade continua no exilio, reorganizando as
comunidades galegas coa esperanza de que caese o réxime franquista. Polo
que respecta á súa produción, abandonados o debuxo e a pintura por mor
da súa cegueira, concéntrase na publicación da súa principal obra
política Sempre en Galiza.
Nos primeiros meses
de 1949 un cancro de pulmón afástao da actividade pública. En 1950, ano
en que se disolve o Partido Galeguista, falece en Buenos Aires o día 7
de xaneiro.
Obra:
Ensaio
As cruces de pedra na Bretaña. Santiago de Compostela: Seminario de Estudos Galegos, 1930.
Sempre en Galiza. Buenos Aires: As Burgas, 1944.
As cruces de pedra na Galiza. Buenos Aires: Nós, 1949.
Alba de groria. Buenos Aires: Galicia, 1951.
Humorismo, dibuxo humorístico, caricatura: conferencia. A Coruña: Real Academia Galega, 1961.
As
cruces de pedra na Galiza: discurso lido o día 25 de xullo de 1934 no
acto da súa recepción pública polo señor Alfonso R. Castelao e resposta
de Antonio Villar Ponte. A Coruña: Real Academia Galega, 1964.
Literatura
Debuxos
Cincoenta homes por dez reás. A Coruña: Nós, 1930.
Álbum Nós. Madrid: Hauset y Menet, 1931.
Atila en Galicia: Estampas. Valencia: Comité Nacional de la C.N.T, 1937.
Galicia mártir. Valencia: Ediciones Españolas, 1937.
Cousas da vida. Vigo: Galaxia, 1961.
Milicianos. Madrid: Akal, 1976.
Debuxos de negros. Conservado no Museo de Pontevedra.
Cegos: os meus compañeiros. Conservado no Museo de Pontevedra.
Narrativa
Cousas. A Coruña: Lar, 1926.
Cousas. Segundo libro. A Coruña: Nós, 1929.
Os dous de sempre. Santiago de Compostela: Nós, 1934.
Retrincos. Santiago de Compostela: Nós, 1934.
A marquesiña.Castelao.
ResponderEliminarTrata de una neniña que vive na pobreza.Á que chaman a 'Marquesiña' debido a que a súa nai traballa na casa do Marqués.
-Andrea S. Chouza.-